viernes, 16 de noviembre de 2018

MEXILLÓN NO MENÚ DO COLE

Como estamos a traballar o mexillón decidimos introducilo no menú do noso comedor.

Da man dos mexillóns de Manuel Prieto (ao que lle damos infinitas grazas) e da nosa cociñeira, puidemos degustar un saboroso prato de fabas con mexillóns.
 Quedamos sorprendidos con esta receita proposta por Alba, unha das coidadoras do cole, e temos que dicir que estaba boísima!!
Animádevos a probar!

 

lunes, 12 de noviembre de 2018

CONSUMO RESPONSABLE E ALIMENTACIÓN SAUDABLE

A semana pasada fomos a unha actividade de consumo responsable e educación saudable. 
Nós xa sabemos moitas cousas sobre este tema, pero nunca está de máis repasar… 
Contáronnos cales son os alimentos máis sans para a nosa saúde (entre eles os produtos do mar, que tanto estamos a traballar no cole), falamos da pirámide alimenticia, de que é recomendable facer 5 comidas ao día e  de moitos consellos máis, que pouco a pouco, charla a charla, intentamos incorporar as nosas rutinas diarias.
Ademais chegamos cun agasallo (e tamén cunha molladura)!

sábado, 10 de noviembre de 2018

O MEXILLÓN

O mexillón é un dos produtos estrela da nosa terra.
Que fermosa é a nosa ría e que gustiño da ver todas as bateas no mar!!
 Na Ría de Arousa temos 2.292 bateas!! O 68,68% de todas as bateas que hai en Galicia!! Non está nada mal, eh?
Frida, nesta unidade, explícanos que son as bateas e fálanos das conserveiras, unha industria moi importante na nosa contorna.


Se queredes saber como traballamos o tema do mexillón, non tedes máis que premer nas imaxes e iredes ao arquivo en PDF.
https://drive.google.com/file/d/1p9-pttEAYErxTBpugCX_uzkNZX2FoVwI/view?usp=sharing                             https://drive.google.com/file/d/1I5k2QOHCpvewxC_3NZlWOeP-XK8n_Lu4/view?usp=sharing


O material manipulativo desta unidade consiste nun quebracebezas de metades sobre os moluscos.


Pero... sabedes por que é importante comer mexillón? Neste vídeo tedes a expliación!

viernes, 9 de noviembre de 2018

CANCIÓNS PARA AMAR O MAR

 A nós todo o que sexa cantar e bailar... encántanos! Así que non podía faltar unha escolma de cancións sobre o mar.
Ese mar no que viven os animais mariños, no cal podemos nadar e nadar, onde navegan barcos piratas e pesqueiros...  
En resumo; un mar... para amar.


SAMAÍN PIRATA

Como non podía ser doutro xeito, o noso Samaín tamén estivo relacionado co tema do mar. 
Os nosos alumnos tiñan que atreverse a surcar os mares do terror e ser quen de asustar ao Pirata Malapata coas súas cabazas e... abofé que o fixeron!!!



RECEITAS CON AMEIXAS

Como xa sabedes, o noso proxecto é de centro, é dicir, de toda a comunidade educativa.
Co fin de facer as familias un poquiño máis partícipes, e tendo en conta que somos unha terra de ameixas, propuxémoslles que nos enviaran a súa receita favorita con ameixas.
O certo é que non moitas se animaron pero... nós sabemos o motivo:  aos bos cociñeiros non lles gusta desvelar as súas receitas 😏 (pero nós seguiremos intentándoo).
Moitas grazas ás familias de Claudia, Desi, Martín, Pablo e Sofía, por ser as pioneiras.

Podedes ver as receitas manuscritas ou online! 
Que modernos somos,eh? E isto débese a que os nosos alumnos están traballando coas Tic elaborando unha "revista de receitas" e, non é por presumir de alumnos pero, estalles a quedar estupenda.



                               










LIMPAMOS A PRAIA

Fai uns días fomos ata a Praia da Concha de Vilagarcía cunha misión moi importante: limpala!
Durante todo o verán, na praia (que tempos aqueles nos que estabamos aínda de vacacións 😆), puidemos ver como por todas partes había plásticos, latas, cabichas...
Nós sabemos que iso está moi mal, que temos que coidar a natureza e respectar a nosa contorna.
Comno agora no centro estamos a traballar no proxecto "Amar o mar", quixemos facer unha demostración do noso "amor" limpando a praia para evitar así que o mar leve cousiñas que o poidan contaminar ou facer dano aos animais que nel viven.
Nós fixemos o que puidemos pero xa se sabe; "moita xente pequena en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, poden cambiar o mundo" (Eduardo Galeano).

Úneste a nós?





A AMEIXA

Aproveitando a nosa visita á Illa de Arousa comezamos a traballar os produtos do mar.
Frida, a nosa mascota, fixo os honores e presentounos unha unidade didáctica e diferentes materiais para que coñezamos ben este produto tan importante para Vilagarcía.  
Que ricas están as ameixas do Carril! Non nos extraña nadiña que sexan coñecidas no mundo enteiro nin que a súa festa fose declarada de Interese Turístico de Galicia.




Queremos compartir os nosos materiais!!
Se estades interesados en saber como traballamos este tema non tedes máis que premer nas imaxes e iredes ao arquivo en PDF.
https://drive.google.com/file/d/1GtLo1FnHnB9UAc8z3gdmwhCPi42TcBWL/view?usp=sharing

                              https://drive.google.com/file/d/1XYU7pQ9glYDQ1DPY1Ci8df0JeueRFY59/view?usp=sharing


E como material manipulativo nesta unidade: un loto relacionado co mundo das ameixas.

NA ILLA DE AROUSA

O pasado 26 de setembro fomos de excursión ata a Illa de Arousa, sen dúbida, un dos lugares máis fermosos da nosa ría.
Alí, da man de "O sabor da aventura está no mar", vimos como traen e descargan o mexillón procedente das bateas, aprendemos a distinguir tres tipos de ameixas da zona (fina, babosa e xapónica), estivemos a recoller ameixas coas mariscadoras isleñas (moi simpáticas a cariñosas), visitamos a lonxa e, para rematar unha "durísima" xoranda, tivemos unha degustación de produtos do mar.

Foi ou non foi unha actividade marabillosa?


Por certo, se vos pasa coma a nós e dubidades á hora de distinguir os diferentes tipos de ameixas, aquí vos deixamos unha reportaxe da Revista eSmas Vilagarcía na que fan unha moi boa explicación.








OS NOSOS PEIXES


Xa vos adiantamos que este ano "O mar" vai ser unha parte moi importante da nosa vida no cole.
Estando onde estamos, nesta contorna privilexiada, non podía ser doutro xeito!!
Fixemos a presentación oficial do proxecto ao noso estilo: dun xeito especial e ao grande!!
Na entrada do cole fixemos un mural cunha rede e uns peixes obra de Mar Barral, unha importante e recoñecida ceramista da nosa terra.
Cada un de nós decorou o seu propio peixe que despois foi colocado na rede. 
Sabemos que está mal dicilo pero o certo é que nos quedou unha composición moi fermosa, e agora, todos aquel que se achegue ao noso centro verá que o mar forma parte de nós.


O MAR... NO COLE!!


Este ano iniciamos o curso dun xeito especial e un pouco sorprendidos porque, cando chegamos ao cole, atopamos a todos os mestres vestidos de mariñeiros (co seu gorro e todo)!!!
Despois explicáronnos que este ano imos facer un "proxecto documental integrado". Ao escoitar ese nome quedamos asustados, xa que soaba a algo moi serio, pero cando nos explicaron que iso significaba que iamos traballar durante todo o curso sobre o tema do mar... a idea encantounos (e entendimos por que os profes ían así vestidos e a ambientación do centro).
Tamén nos contaron que imos ter un Plan Proxecta sobre os alimentos do mar. 
Nós iso de comer peixe... non o levamos moi ben! Pero de seguro que, con estes proxectos, acabaremos convencidos da súa importancia!
Tivemos unha presentación cun xogo para saber en que aula nos tocaba, unha merendola, bilbioteca amenizou a xornada cun conto e un poema sobre o mar e despois tivemos xogos.
Sen dúbida o primeiro día foi xenial... e iso só foi o principio!!!