jueves, 18 de abril de 2019

PARTO DE CABALIÑO DE MAR

Cando comezamos a traballar seriamente nisto dos peixes, e en concreto sobre o cabaliño de mar, houbo dúas cousas que chamaron moito a nosa atención; primeiro descubrir que o cabaliño de mar é un peixe, xa que nós pensabamos que era un animal mariño, e segundo, que son os machos os que paren os fillos.
Nós non estamos acostumados a que sexan os machos os que teñan no seu ventre ás súas crías e por iso quedamos moi sorprendidos.
Grazas a un vídeo do Aquarium Finisterrae da Coruña podemos ver como é ese momento no que o macho pare, nin máis nin menos que, 191 crías.
Se premedes na imaxe teredes acceso a un artigo da revista dixital "Vinte" que nos conta curiosidades da vida destes peixes e podedes ver o vídeo do parto do cabaliño de mar que é algo moi fermoso.


DAVID... O PESCADOR

Que bonito cando os proxectos nos levan a facer cousiñas e a achegarnos aos nosos alumnos.
Grazas ao tema do mar, e máis concretamente á unidade didáctica da troita, descubrimos que temos entre nós a todo un pescador.
David, un alumno da aula laranxa, ten como afeción ir de pesca (e a nós nunca nos contara nada 😢) e cando estivemos a traballar a troita dixo que el pescaba moitas. Tirando do fío conseguimos que nos contara moitas cousas e, como ten algún que outro compañeiro incrédulo, pedísmolle que compartira con nós algunha foto. 
E aí o tendes!!! O noso David pescando, e as troitas que el máis os seus compañeiros pescaron ese día.
Moitas grazas David por compartir este anaquiño da túa vida con nós!


viernes, 12 de abril de 2019

EL PEZ ARCOIRIS

Os maiores do cole tiveron a fortuna de gozar, dentro das actividades do club de lectura da nosa biblioteca, dunha contada moi especial; "El pez arcoiris", coa mesa de luz na aula de estimulación.
Se non coñecedes este conto recomendámovolo ser dúbida algunha xa conta unha historia moi fermosa sobre un valor tan importante como é o de compartir.
Cada un dos alumnos decorou o seu propio peixe arcoiris e con todos eles faremos un mural que dará máis vida (se iso é posible) ao noso centro.

VOLOVÁNS DE SARDIÑA

Esta semana tivemos a sorte de probar uns volováns de sardiña elaborados polos alumnos das aulas amarela e rosa.
Podémosvos asegurar que foi toda unha experiencia tanto facelos como probalos!
Unha vez máis a proba de que estaban moi saborosos é que non quedou ningún!
Que ben cociñan os nosos rapaces!!
 (Unha vez máis o noso agradecemento a conservas Galica pola súa xenerosidade)



miércoles, 10 de abril de 2019

QUE ESTAREMOS A ARGALLAR?

Algo estraño vai pasar no noso centro... non vos podemos contar máis... só vos podemos dar este pequeno adianto...

(A cabeza non para!! Ideas van... ideas veñen... e algunhas toman forma!)


OUTRAS "FROITAS" DO MAR

Xa vos contamos que os pequenos do cole nos sorprenderan, fai uns días, cunha degustación de froitas que fixo as delicias de pequenos e maiores.
Pois para que vexades que foi un auténtico éxito outro grupo de alumnos animouse a facer os seus propios experimentos con froitas de diferentes sabores e texturas.
Como non podía ser doutro xeito, non se esqueceron do mar e tamén quixeron rendirlle a súa particular homenaxe en forma de polbo e tartaruga.
Temos ou non temos uns alumnos marabillosos?



MÁIS PESCADA

De novo tivemos pescada no menú!! 
Desta volta cunha receita moi nosa; á galega!
Sobra dicir que a comemos todiña,non?


miércoles, 3 de abril de 2019

VISITAMOS PORTONOVO

Da man de "O sabor da aventura está no mar" fomos ata Portonovo a aprender un pouquiño máis deste mundo tan apaixoante como é o mundo do mar.
O primeiro que fixemos, despois dunha toma de contacto cunha explicación sobre Portonovo e a súa relación co mar, foi ir a lonxa. Temos que dicir que na lonxa pasámolo en grande facendo puxas cos nosos mandos como verdadeiros profesionais. A xente alucinaba do moito que estabamos dispostos a pagar pola raia, o sargo, os rapantes e máis a solla. É que nós sómosvos moi xenerosos!!
Despois fomos ata o porto a ver os barcos dos mariñeiros e máis os aparellos de traballo que empregan, como as redes de cerco, de palangre, as nasas... (nós desto íamos informados, xa que Frida explicóunolo na unidade dedicada á pescada).
Tamén fomos ata o mercado a ver os postos de peixe. Non é por presumir,eh?, pero os peixeiros e peixeiras quedaron abraiados do moito que sabiamos sobre os peixes e mariscos que alí había. Algúns era a primeira vez que os viamos de cerca e alucinamos cos dentes que tiñan.
E por último, e despois de tanto traballo, tivemos unha degustación de produtos do mar. Comemos empanada de raia (como non!, estando en Portonovo non podía ser doutro xeito) e sanjacobos de dourada. Non hai máis que ver as nosas caras para comprobar que estaba boísimo todo! Repetimos e repetimos... e, se nos deixan, repetiremos aventura!!


martes, 2 de abril de 2019

DÍA DA POESÍA

Casi nos esquecemos de contarvos como celebramos o Día da poesía no centro.
O Equipo de Biblioteca organizou unha fermosa actividade na cal os nosos alumnos, caracterizados como correspondía, leron fermosos poemas de dous libros que nos gustan moito; Acuario e Acuario 2.
 Tiburóns, caranguexos, medusas, cabaliños de mar, pescadores, mariscadoras... pasaron polo noso centro a deleitarmos coas súas fermosas verbas.


"FROITAS" DO MAR

Os nosos pequechos do cole e as súas profes xa non saben que máis inventar!!
Hoxe sorprendéronnos a todos cunha merenda moi saudable xa que se trataba de froita (que non vai ser todo comer peixe,eh?😝)
E, como non, decidiron darlle un toque mariñeiro. 
Así que as froitas convertíronse en diferentes peixes que o resto de alumnos comeron como se non houbese un mañán!
 (O certo é que as mesturas de sabores foron incribles e estaban... para comelas!)


PESCADA AO FORNO

Outro dos pratos estrela do noso menú é a pescada ao forno... está tan saborosa!!!
Mar, a nosa cociñeira, (que non podía ter un nome máis axeitado para o noso proxecto), sabe como conquistarnos!!


QUICHE DE TOMATIÑOS E ATÚN

Os alumnos da FP Básica de Reprografía tamén se animaron a pasar pola cociña!
Agora mesmo estamos a traballar co libro "Bolboretas no bandullo" (cuxos libro e web vos recomendamos ao 100%, xa que está feito por dous profesores e fomentan o emprego do galego na cociña), emporiso os nosos alumnos fixeron unha adaptación da receita "quiche de tomatiño e olivas" que aparece na súa web.
Como estamos co obradoiro de receitas con conservas o seu era empregar algunha, non si? (outra vez... infinitas grazas a Conservas Vengarco). Pois como neste grupo temos algún alumno... digamos..."repunantiño" coa comida (e iso que son os maiores!) fixeron a quiche de tomatiños e atún.
Non hai moitas fotos porque os rapaces andaban a cen e a súa profe non daba máis de si, pero sí temos unha foto de grupo e foto do resultado que é importante. Sentímolo moito pero proba non temos... comémolo todo!!!




lunes, 1 de abril de 2019

GOLFIÑOS NA NOSA TERRA

O outro día chegou un dos nosos alumnos dicindo que vira golfiños cando foi dar un paseo pola praia (porque si, en Galicia fai bo tempo ata en marzo... para que logo digan!).
Os seus compañeiros non sabían moi ben se crer o que se lles estaba a contar ou non... así que decidimos buscar algo de información e atopamos esta noticia publicada pola TVG onte mesmo.
O que máis nos sorprendeu (e tamén nos fixo máis ilusión) foi saber que na nosa ría, a Ría de Arousa, teñen unha boa alimentación e un hábitat axeitado.
Aprendemos moitas cousas sobre estes animais e estamos desexando ir a praia para velos saltar e nadar.
Como dixo un compañeiro... a nós gústannos os golfiños e aos golfiños gústalles Galicia así que... perfecto!!!