viernes, 29 de marzo de 2019

A VISITA DA GAIVOTA

Que no noso cole se respira ambiente mariñeiro é un feito e, para proba, a visita que recibimos hoxe; unha gaivota!
Estabamos a piques de saír o recreo cando vimos que algo estaba a pasear polo noso patio. Vaia sorpresa que levamos cando comprobamos que era unha gaivota!
Cada vez que os nosos alumnos dadan un pasiño para vela máis de preto (e sacarlle algunha foto), a pobre saía amedrentada.
Paseou polo patio, o xardín, estivo na randeeira... pero cando saíron todos ao recreo decidiu pousarse no tellado do centro a mirar o ben que o pasaban.
Fíxonos tanta ilusión que algún ata pensou en poñerlle un nome.

jueves, 28 de marzo de 2019

VOCABULARIO DA COCIÑA

Agora que estamos metidos de cheo nisto de ser cociñeiros, pareceunos importante facer un vocabulario en galego (e con pictosgramas) sobre a cociña, centrándonos nos aparellos que empregamos na elaboración das receitas e nas accións que levamos a cabo.
Co bonito que é o galego e nós empregando palabras es castelán!😢
Preme no que queiras consultar e irás directo á información.

POLBO Á FEIRA

Que levante a man aquela persoa a que non lle guste o polbo á feira? 
Non vemos a ninguén coa man levantada e é normal porque se hai un prato saboroso da nosa gastronomía e recoñecido no  mundo enteiro ese é o noso polbo!
As alumnas da aula marrón, dentro do obradoiro de cociña con conservas, elaboraron uns canapés que estaban... de morte! (Como dixo un dos noso alumnos).
Desta volta temos que agradecer a Conservas Vengarco a súa colaboración con latas de polbo en aceite de oliva.
Animámosvos a facer esta receita xa que é moi sinxela e está realmente boa.



miércoles, 27 de marzo de 2019

FARO "ALÉN DO MAR"

Nesta unidade, a do xurelo, Frida estanos a falar dos faros de Galicia e o tema gustounos tanto que decidimos facer o noso propio faro ao que chamamos "Alén do mar".
Se vos acercades ao noso cole poderedes ver, dende o momento cero, que o mar forma parte moi importante da nosa vida escolar.
Gústavos?



PESCADA NO MENÚ

Fai tempo que non vos mostramos os peixes que incluímos no menú do cole!
Non é que non comeramos peixe desde a última nova, eh? Para nada! o que pasa é que facemos tantas actividades que xa non sabemos o que vos contamos e o que non!
Hoxe, como segundo prato, tivemos pescada frita con ensalada. Non imos mentir e dicir que a comemos moi contentos e felices, non. Ao principio costounos un pouco pero unha que a probamos... comémola toda!!



BON APPÉTIT

Esta semana tivemos a oportunidade de acudir a Pontevedra a ver o espectáculo "Bon Appétit" de Teatro dos Ghazafellos.
Dicir que o pasamos ben é quedarnos moi moi curtos xa que o pasamos en grande.
Nesta actuación, mestura de teatro, música e comedia, tres "chefs" contáronnos os segredos da cociña galega seguindo o prestixioso libro de Álvaro Cunqueiro "A Cociña Galega".
Dun xeito moi divertido ensináronnos a cociñar empanada de zamburiñas (os nosos compañeiros da aula laranxa, que xa a fixeron, estiveron a piques de darlles algún consello), polbo á feira (receita que próximamente levarán a cabo as alumnas da aula marrón), lacón con grelos e filloas con anís (nós, en filloas, xa estamos en nivel experto).
Como xa sabedes, nós por onde pasamos... arrasamos!, e desta volta un dos prestixiosos chefs veu falar con nós e ata sacamos unhas fotiños con el.


lunes, 25 de marzo de 2019

DE COMPRAS NA PEIXARÍA

Sabemos que a nosa peixaría ten moitos clientes e a cousa non é para menos; peixe 100% galego, "pescado" coas mans dos nosos alumnos e a uns prezos... espectaculares!!
O outro día "pillamos" aos alumnos da aula laranxa organizando unha cea e facendo a compra na peixaría do cole.
Traballaron os produtos, as cantidades e os euros, e despois continuaron a resolver tarefas na súa clase.
Moi ben rapaces, da gusto con vós!!
(E non vos esquezades de invitarnos a todos esa cea😜)

martes, 19 de marzo de 2019

RECEITAS TROITA

Chegou o momento da troita, un peixe que nós pensabamos que non nos ía dar moito xogo nas receitas.
Queredes comprobar se estabamos equivocados ou non?


                          

O XURELO







Premendo nas imaxes accededes a os nosos materiais de traballo.
          https://drive.google.com/file/d/1nen6PaqJwEUXHn_8b-IGI7YSztT4YXjr/view?usp=sharing             https://drive.google.com/file/d/1ckYd3Dp6FiaXu_s7Vkvh5tqYoKE1q4eR/view?usp=sharing


Neste vídeo temos a explicación de por que é importante comer xurelo.

lunes, 18 de marzo de 2019

EMPANADA DE ZAMBURIÑAS

Continuamos co obradoiro de cociña con conservas!
Desta volta foron os alumnos da aula laranxa os que pasaron polos fogóns para sorprendernos a todos cunha empanada de zamburiñas que estaba taaaaan saborosa...
Todo aquel que pasaba polo noso apartamento entraba a curiosear chamado polo cheiriño que invadía os corredores do centro.
O resultado non hai máis que velo! 
A empanada estaba tan tan saborosa que houbo alumnos que pedían outro pedaciño máis, e outro, e outro...
Receita sinxela que vos animamos a facer nas vosas casas!
Unha vez máis queremos dar as grazas a Galica pola súa aportación de conservas para o noso obradoiro (e ás nais de ANPA por facelo posible ao ir contándo, alá por onde van, o proxecto que estamos a levar a cabo).




viernes, 15 de marzo de 2019

TROPAVERDE

Hoxe recibimos no centro a visita dunha representante de "Tropaverde", unha plataforma multimedia que ten por obxectivo fomentar a reciclaxe e a responsabilidade ambiental entre a cidadanía, premiando as boas accións medioambientais.
Marta contounos que hai unha tropa en Vilagarcía, como funciona e como podemos gañar estrelas que logo podemos trocar por recompensas.
Fixemos un repaso sobre a reciclaxe, resolvendo algunhas dúbidas que tiñamos e reflexionamos moito sobre o plástico e o mal que fai en xeral pero sobre todo no mar, que é o tema que estamos a tratar no cole.
No centro somos moito de reciclar e estamos moi comprometidos co medio ambiente e, podemosvos asegurar, que Marta marchou moi sorprendida do moito que sabiamos e das boas ideas que temos.
Da charla saímos coas ideas moito máis claras, con novos coñecementos, cunha chapa e co noso código para formar parte de Tropaverde!!
Botádelle un ollo a súa web porque, de verdade, que é todo moi moi interesante!


MARCHANDO UNHA DE CARAMUXOS!!

Que os nosos pequenos son moi traballadores e moi curiosos xa non é ningunha novidade para nós.
A útima que fixeron foi unha degustación de caramuxos.
Si, si... como o estades a ler; unha degustación de caramuxos!
De primeiras, as miradas que lles botaban eran un pouco desconfiadas pero despois de velos, tocalos, ulilos... acabaron coméndoos!!
Non houbo ningún que non quixera repetir, proba de que os nosos rapaces saben apreciar o bo!😉


O LIRIO DOS MAIORES

Unha vez máis os maiores do cole quixeron compartir con nós todo o que aprenderon sobre o lirio.
No seu fermoso mural explicannos moitas curiosidades sobre este peixe que tanto comemos no cole.

BOMBÓNS DE ATÚN...

Comezamos en serio cos obradoiros de cociña con conservas!!!
Os máis atrevidos, e que se animaron a ser os primeiros en mostrar as súas dotes culinarias, foron os alumnos das aulas vermella e verde. 
Sorprendéronnos a todos cuns bombóns de atún que estaban tan bos que... non sobrou ningún!!
Animádesvos a probar? No cole a receita xa foi de man en man porque son tan sinxelos e tan saborosos...
Desta volta temos que agradecer a Conservas Galica a súa colaboración aportando as conservas.



sábado, 9 de marzo de 2019

E EN GALEGO... COMO SE DI?

Como xa vos comentamos fai algún tempo, estabamos a traballar nos nomes que se lle daban aos peixes e mariscos nas distintas localidades onde viven os nosos alumnos.
Nesta "análise" que fixemos, e na que as familias participaron moi activamente, démonos de conta de que en moitas ocasións empregamos os nomes en castelán, e é unha pena que tendo palabras de noso, en galego, tan fermosas, non as empreguemos.
Foi por iso que decidimos facer un vocabulario recollendo todos os nomes aportados e especificando o seu nome "oficial" en galego e en castelán. 
Tamén nos pareceu importante facer fincapé no talle mínimo que teñen que ter estes produtos para ser pescados e consumidos por todos nós.
Grazas ás aplicacións móbiles das que xa vos falamos con anterioridade; "Non piques, non peques" e "PescadeRías" puidemos completar a información.
Así que... temos a honra de presentarvos o noso picto-vocabulario do produtos do noso mar!!!
As familias dos nosos alumnos xa dispoñen desta información e esperamos que a vós vos sexa de moita utilidade!

(Tamén vos damos algún truco para distinguir aqueles que se parecen😉)

8M MULLERES DO MAR

8M... un día especial...
Redeiras, mariscadoras, peixeiras, percebeiras, mariñeiras... a todas esas mulleres dedicamos nós este dia!
A todas aquelas mulleres do mundo do mar, que levan a cabo traballos moi complicados e moitas veces menosprezados.
Cada un dos nosos alumnos dedicoulles unha frase de ánimo, de aloumiños... a esas grandes mulleres.
E nós só podemos dicir, a todas e cada unha delas... GRAZAS!!!





SOPA DE LETRAS

Co fin de que os alumnos maiores do cole tamén suban a nosa marabillosa aula de estimulación, elaboramos unha sopa de letras para resolver na mesa de luz.
Como xa sabedes, a mesa de luz é un recurso que a nós nos gusta moito, xa que favorece a atención e a concentración e, ademáis, permíntenos xogar cos seus cambios cromáticos.
 É así que, nun ambiente de relaxación, os alumnos poderán poñer en práctica o seu dominio do vocabulario en galego de algúns habitantes de mar, á vez que fan unha relación elemento-palabra-cor.




OS PEQUES... E OS PEIXES

Os máis cativos do centro están a facer o seu propio mural sobre todo o que imos traballando. 
Agora acaba de rematar o mural sobre "os peixes" e fixérono sobre aqueles que a eles máis lles gustan (que son os que teñen a forma máis rara);  a ouxa, o peixe globo, o peixe martelo, o pez pallaso, o cabaliño de mar, o tiburón... e tamén nos explican as súas partes.
Son ou non son traballadores os nosos pequenos?


jueves, 7 de marzo de 2019

ENTROIDO

Chegou o Entroido ao noso cole e, como non podía ser doutro xeito, pillounos rendindo a nosa particular homenaxe ao mar.
Mira que nos gusta o mar a nós,eh?
Como xa vos contamos, o noso proxecto está a ter moita repercusión pero o que non sabiades é que é tal, que ata a Raíña do Mar e o Sireno de Vigo apareceron no noso centro decididiños a presentar a nosa gala de entroido. Que? Como vos quedades?
O noso desfile foi moi bonitiño (si, si... xa sabemos que está mal que o digamos nós pero... o que é, é!)
Todo o persoal do centro acabou caracterizado de algo relacionado co mar. Fomos estrelamar, polbos, peceiras, medusas, peixes pallaso, mergulladores, pescadores, mariscadoras, peixeiras, fareiros... 
Unha festa do máis divertida e onde o pasamos a mar de ben!


martes, 5 de marzo de 2019

A TROITA

A troita é un peixe que tendemos a asociar aos ríos, aos lugares de auga doce, pero tamén é certo que hai troitas de mar (tamén coñecidas como reos), de agua salgada.
Desta volta Frida falaranos sobre estas troitas e explicaranos os diferentes tipos de embarcacións que temos en Galicia. 
Estades preparados para subir a bordo?


E aquí tedes o materiais de traballo.

      https://drive.google.com/file/d/1kCgTgsXnNCgKZDVM9zqXZK_kai-Aj2-b/view?usp=sharing                     https://drive.google.com/file/d/1Tdf_-dOm0RF9sulDY6T2bejIBOAIhNy5/view?usp=sharing

O material manipulativo desta unidade consiste na asociación de peixes, cores e formas. Completiño!
                         

Aquí vos deixamos tamén o vídeo que nos explica por que é importante comer troita.

lunes, 4 de marzo de 2019

RECEITAS COA PESCADA

E chegou o momento da pescada! 
Todos os alumnos do centro coñecen este peixe e sabemos, de primeira man, que o consumen nas súas casas.
Queredes saber cales son as súas receitas?

                             

COMO SE CHAMAN?

Cando estamos a traballar os peixes e mariscos nas aulas dámonos de conta de que non todos os nosos alumnos os coñecen polos mesmos nomes e iso... fíxonos pensar!
O noso cole é un centro comarcal, é dicir, o noso alumnado provén de 15 concellos diferentes que abarcan dende Porto do Son ata  A Estrada. E foi así que, quixemos aproveitar esa variedade xeográfica levando a cabo unha actividade moi interesante: propuxemos aos nosos alumnos e as súas familias cubrir unhas follas con fotos de produtos mar para saber os diferentes nomes polos que son coñecidos.
O certo é que as familias estan moi implicadas e pronto poderemos compartir con vós o que aprendemos.
                        
                      




viernes, 1 de marzo de 2019

ACUARIO

Que aos nosos alumnos lles gusta moito a papiroflexia quedounos moi clariño e, cando algo funciona, sabemos que o temos que aproveitar!
Foi así que, pasiño a pasiño, grupiño a grupiño, fomos facendo diferentes "habitantes do mar".
Peixes, raias, camaróns, caranguexos, luras... de diferentes tamaños e cores, xa forman parte da entrada do centro.
O certo é que o noso acuario chama a atención de todo aquel que entra no cole e nós... non podemos estar máis contentos!!

TRASPASAMOS FRONTEIRAS

Hoxe descubrimos que o noso proxecto traspasa fronteiras, xa que dende Manchester fixéronnos chegar este libro!
Si, si, como podedes imaxinar está en inglés! Pero iso no vai ser un problema para nós,eh? Xa temos en mente a alguén para que veña ao noso cole a contárnolo.
 É máis, xa estamos argallando a forma de participar nós tamén nesa contada. 
Aí o deixamos...
Só podemos dicir... Mayte, vaite preparando!!!😉