jueves, 20 de diciembre de 2018

BO NADAL!

Os nosos mellores desexos para todos vós.
BO NADAL


AGASALLO EN CONSERVA

Como xa sabedes, este proxecto noso "Amar o mar" é un proxecto de toda a comunidade educativa, aquí participamos todos!!
Temos a fortuna de contar con nais moi implicadas, que están sempre dispostas a axudarnos e que van presumindo, alá por onde van, do seus fillos e do noso traballo.
E foi grazas a elas que, Galica (Conservas y Mariscos de Galicia) fíxonos chegar estes paquetiños con conservas que os nosos alumnos levaron para compartir coas súas familias (e algunha xa nos fixo saber que estaban ben boas).
Moitísimas grazas!!!


O NOSO BARCO

No noso cole todo o que facemos... facémolo ao grande.
Que o tema que estamos a traballar é o mar... pois o mar terá que estar no cole!
Da nos visita á Illa de Arousa vimos namorados dos barcos pesqueiros así que... que mellor que ter o noso propio barco no cole?
Foi así que convertimos a conserxería do centro nun barco o que non lle falta detalle.
Todo aquel que entra no centro sácalle unha foto ou, mellor aínda, saca unha foto co barco!!





IMOS DE EXCURSIÓN

O pasado luns fixemos unha excursión que forma parte das actividades do noso PDI e do noso Proxecta "Amar o mar".
Como no tema do mexillón estivemos a traballar as conserveiras, fomos visitar unha para coñecer de primeira man o que fan, e Conservas Dardo foi a encargada de explicarnos en que consiste o traballo que alí levan a cabo, como se reparten as tarefas, de onde veñen os produtos...
O luns, xustamente, estaban a traballar con mexillóns, atúns e sardiñas.
Foi moi interesante saber como traballan esas mulleres (porque non nos coincidiu de ver ningún home) e démonos conta do traballo duro que é porque facía un pouquiño de frío, cheiraba "regular" e facíano todo a man.
Algúns de nós temos nais que traballan nas conserveiras e... démonos conta de que é moito o que traballan!
Despois fomos ata o IGAFA (Instituto Galego de Formación en Acuicultura) e alí alucinamos un montón. 
Agora estamos co tema do rodaballo, así que nos explicaron como se crían nas piscifactorías e vimos o seu proceso de crecemento. Vimos rodaballos mini, rodaballos pequenos, medianos, grandes... de todo! E tamén vimos de todos os tamaños aos lenguados, lumbrigantes (ata vimos como mudan o cascarón)... e os seus alimentos.
O certo é que aprendemos un montón de cousas sobre a vida dos animais mariños.
Pero, para rematar, tivemos unha sorpresa. Resulta que neste instituto teñen un ciclo de FP de experto en buceo, e tivemos a oportunidade de ver (e algúns incluso entrar) unha cámara hiperbárica que era o máis parecido que vimos na nosa vida a un submarino.
Foi unha mañán de moito axetreo e chagamos ao cole moi cansos, pero tivemos a sorte de que Larsa (gracias ás mamás da ANPA que están en todo) tivo a ben ofrecernos unha riquísima merenda con queixo, iogures, batidos... que nos encheron de forza para afrontar o día!


DECORACIÓN DA ENTRADA DO COLE

Como estamos a traballar o mexillón, decidimos crear a nosa propia batea (non hai dúbida de que é 100% nosa) e poñela na entrada do centro para que, así, todo aquel que entre se mergulle no noso proxecto.




RECEITAS CO RODABALLO

Tócalle o turno ao rodaballo. 
Como é un peixe un pouco caro (non nos imos enganar) non sabemos aínda se teremos a oportunidade de incluílo no menú do cole pero... estabamos seguros de que as familias dos nosos alumnos estarían dispostas a recomendarnos algunha receita por si se nos presenta a oportunidade!
Unha vez máis, as familias, demostráronnos que están moi implicadas no noso proxecto.
Así que aquí tendes a terceira parte da nosa "revista de receitas".

                              



O RODABALLO

O rodaballo é un peixe cunha carne considerada como excelente polos expertos.
A nosa economía non nos vai dar para poder degustalo no comedor do centro, pero Frida achéganos a el explicándonos as súas características e falándonos da acuicultura.


Aquí vos deixamos os nosos materiais de traballo. Xa sabedes, premede nas imaxes e accederedes aos PDF.

             https://drive.google.com/file/d/1XjErRBO6LHOU-7E6Tm0iuuvfcq-rmLE5/view?usp=sharing                        https://drive.google.com/file/d/17Nhpjo0b0q2ci-PFtaz5fP3kJvwD_gF3/view?usp=sharing
      

Como material manipulativo temos un loto redondo con pinzas que, por unha banda nos permite identificar aos animais e por outro serve para distinguir os animais mariños daqueles que non o son.
E agora deixámosvos co vídeo explicativo da importancia de incluir o rodaballo na nosa dieta.

lunes, 10 de diciembre de 2018

"EL GRAN VIAJE DEL PLANCTON"

Hoxe queremos compartir con vós un cómic elaborado polo Instituto de Investigacións Mariñas - CSIC titulado "El gran viaje del plancton" e que nos conta unha historia protagonizada por un polbo, un rodaballo e unha femia de copépodo.
Esta obra ten un carácter divulgativo e ten como obxectivo mostrar a riqueza da Ría de Vigo. 
Está relacionada coa vida microscópica mariña na que, a través dos tres personaxes principais, aprenderemos sobre a vida dos compoñentes do plancton na contorna das Illas Cíes.





sábado, 8 de diciembre de 2018

App SOBRE PRODUTOS DO MAR

Hoxe queremos compartir con vós unha aplicación da Xunta de Galicia que, de seguro, nos será moi útil para coñecer un pouquiño máis os produtos do noso mar.
"Non piques - non peques" é unha aplicación que permite coñecer cales son os peixes e mariscos máis habituais en Galicia, cal é a mellor época do ano para o seu consumo e como identificar, de forma sinxela, os tamaños mínimos legais para o seu consumo, algo moi moi importante.
Unha moi boa iniciativa da Consellería do Mar.





O MEXILLÓN... EXPLICADO POLOS MAIORES DO COLE!

Os maiores do cole están moi metidos no proxecto "Amar o mar" e, como nos queren axudar a aprender un motón de cousas, están a crear o seu propio mural sobre os produtos do mar que estamos a traballar.
O mexillón está a ser o protagonista e, como podedes ver, fan a explicación tanto para aqueles que teñen lecrtoescritura, como para os que empregan pictogramas na súa comunicación. 
Están en todo estes rapaces!!!



domingo, 2 de diciembre de 2018

CADERNO DE PREMIOS!

Para animar aos nosos alumnos e motivalos un pouquiño máis, decidimos crear un caderniño coleccionable.
Por cada produto do mar traballado recibirán un adhesivo (cando a súa profe confirme que remataron todo o traballo) que terán que pegar no seu caderno.
Cando consigan todas as pegatinas (alá polo mes de xuño) recibirán un premio polo seu traballo!!
Ánimo rapaces!!




RECEITAS CON MEXILLÓNS

Como estamos a traballar o mexillón, invitamos ás familias a enviarnos unha receita, unha desas que gustan moito na súa casa.
Desta volta anímáronse moitos máis e temos un bo número delas.
Como os nosos alumnos están a tope coas novas tecnoloxías (imos poñer unha foto porque hai por aí quen non nos cre 😉) elaboraron unha nova "revista de receitas".

Xa sabedes que só tedes que premer nas imaxes para acceder aos documentos.

                          
  




MÁIS MEXILLÓN NO MENÚ

Esta semana tivemos a oportunidade de saborear outra receita cuxo produto principal era o mexillón.
Desta vez Mar, a nosa cociñeira, preparounos uns deliciosos mexillóns rebozados. 
Ao principio pensabamos que eran croquetas pero despois levamos unha grata sorpresa!!!